A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), fundada no ano 1980 para traballar en prol da dignificación do oficio, promover as obras dos autores e autoras asociadas, e de paso facerlle un gran favor á dinamización da nosa lingua, vén de escoller aos finalistas dos premios á mellor obra publicada no 2011, un galardón que conta coas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, literatura infanto-xuvenil, traxectoria xornalística e blog literario, categoría que, pola súa temática é de obrigado tratamento en Código Cero.
Xa que logo, os 417 socios e socias da AELG escolleron como finalistas na modalidade de Mellor blog literario ao blog As crebas, de Miro Villar; o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás e o Criticalia, de Armando Requeixo, profesor de Lingua Galega e Literatura no Ensino Medio e crítico literario colaborador de varios xornais galegos.
Criticalia é un blog no que, tal e como o mesmo nome nos fai presaxiar, o autor desenvolve o seu labor de crítico literario de xeito maxistral e cunha periodicidade que outros blogueiros quixeran para as súas bitácoras, centrándose en obras galegas, que debulla para facilitarlle ao visitante a escolla dunha lectura axeitada aos seus gustos.
Requeixo non repara en incluír entrevistas, obras recomendables, lecturas de interese, ligazóns a outros blogs de temática similar… e mesmo unha sección na que achega os libros que leu recentemente, os que está a ler e os que están por vir, de maneira que lles dá aos usuarios do blog unha idea para os seus vindeiros libros de cabeceira.
O caderno da crítica é un blog que vai na liña do anterior, no que se achegan entradas relacionadas coa actualidade da literatura galega e novidades en torno ás creacións na nosa lingua. Este autor, que se nos antolla máis ligado ás redes sociais que Requeixo, aposta por incluír na súa bitácora a actividade que leva a cabo en Twitter, dende onde actualiza con máis frecuencia as súas achegas e comentarios.
O terceiro finalista, o blog de Miro Villar, As crebas, achega a visión particular deste creador en torno á literatura actual, porén aposta máis que os anteriores polos contidos multimedia (imaxes, vídeos e sons) para transmitir o seu sentir.
Na bitácora tamén queda constancia da actividade deste blogueiro en Twitter, onde participa con bastante frecuencia con comentarios orixinais sobre lingua e literatura.
As tres ferramentas das que falamos están aloxadas na plataforma galega Blogaliza.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
AELG revela os blogueiros finalistas dos seus premios ás mellores obras do 2011
Compartir Este Artigo

