
A Asociación PuntoGal e o resto de candidatos teñen de prazo ata o vindeiro 13 de abril para remitir a súa proposta. A ICANN baralla un escenario de doce meses aproximadamente para publicar os primeiros resultados do exame. Polo tanto, no próximo ano é posible que se poidan rexistrar dominios .gal.
Beneficioso para o galego nas novas tecnoloxías
A historia recente dos dominios demostra a viabilidade económica e social dos identificadores culturais. O .cat, para a lingua e cultura catalás logrou rexistrar máis de 53.000 identificadores dende a súa aprobación hai cinco anos, reinvestindo os resultados en bolsas para promover o catalán en internet, entre outras accións. Trátase do único dominio lingüístico aprobado pola ICANN ata hoxe.

Socios de dez países colaboran co .gal
En total son 110 as entidades adheridas a PuntoGal, incluídas as institucións culturais máis importantes do país como, por exemplo, as tres universidades, o Consello da Cultura e a Real Academia. Cómpre destacar que entre os socios hai máis de 20 centros de emigrantes noutras comunidades autónomas, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil.
Servir de vínculo entre os sitios de Internet da emigración é precisamente outro dos obxectivos de PuntoGal. Ademais, contar cun dominio propio situará o galego no máximo nivel entre as linguas no DNS, o que sen dúbida mellorará o seu prestixio dentro e fóra de Galicia. A efectos prácticos atopar, identificar e ordenar información en galego resultará moito máis doado, tanto para os grandes buscadores como para os internautas.
