Agora que o negocio discográfico procura máis nunca, voluntariamente ou de xeito forzado, os seus novos vieiros de produtividade, semella especialmente necesario que se bote algo de luz sobre ata onde poden chegar, de lonxe e pasando por que sitios, eses vieiros. Por certo que moitos destes camiños posibles pasan, de xeito paradoxal, polas canles e servizos que contribuíron, directamente ou non, á caída do negocio tradicional. Falamos das redes. Unha destas direccións a seguir preséntase este mércores na Cidade da Cultura. Trátase do proxecto D2COM, que vén da man de AGEDI e Promusicae co obxectivo de achegar unha solución colectiva de negocio en liña.
O seu cometido é pois “potenciar a innovación nas prácticas comerciais dos selos do eido da música gravada, pequenos e medianos”, informan as devanditas organizacións e reflicte a axencia galega AGADIC, encarga de coordinar a presentación en Santiago xunto con AGAPHONO (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas).
A cita, por certo, contará coa presenza de representantes dunha ducia de firmas do sector do noso país e desenvolverase a partir das 11.00 horas. O evento servirá entre outras cousas para amosar os detalles específicos desta iniciativa de AGEDI e do ente Promusicae (asociación española de produtores musicais), co apoio do Plan Avanza.
Segundo se fai saber, o proxecto colle corpo mediante “a posta en marcha dun novo método para a distribución electrónica de contidos dixitais no ámbito da música, tanto de audio como de vídeo, que vén resolver as necesidades e problemas constatados nas PEME do sector”. A maiores, D2COM diríxese a facer máis doado o complexo, é dicir, o seguimento e cumplimentación dos requisitos técnicos e administración na xestión deste novo negocio electrónico. Segundo puidemos saber, o proxecto abrangue a posta en marcha dun almacén dixital que dará acubillo á música dos socios de AGEDI. Estes contidos serán accesibles a través de tendas dixitais ou cadeas de radio. Con isto en con outras medidas, engaden, botaríanse abaixo os atrancos que teñen os selos miúdos para pór en venda, nos formatos e canles dixitais, a súa música.
Santiago acolle a presentación dun proxecto para facilitar o negocio electrónico nas discográficas galegas
Compartir Este Artigo
