Captura da web da Escola Europea de Negocios O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Europea de Negocios (EEN) veñen de unir forzas para permitirlles aos membros da entidade galega máis facilidades á hora de tirar partido da longa listaxe de accións formativas que achega o centro docente. Máis polo miúdo, o convenio suporá, entre outras vantaxes, un desconto mínimo do 15% para os colexiados e empregados do colexio que formalicen a inscrición en calquera dos masters, programas ou cursos da Escola na súa sede en Galicia. Segundo informa o CPEIG, a bonificación poderá variar en función da achega docente de que se trata e do volume de matrículas que se leven a cabo. Ao abeiro do convenio, o CPEIG comprométese a divulgar na nosa terra todas as accións formativas impartidas pola Escola Europea. Asemade, cóntanos o Colexio, por cada colexiado ou empregado do colexio que formalice a súa matrícula en calquera das accións formativas ofertadas, retribuiráselle cun mínimo dun 3% ao CPEIG. Asinaron o acordo o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e Elena Villares Gallardo, en representación da Escola Europea de Negocios.