O grupo de VideoFramesh, un grupo de traballo englobado dentro do Máster DIWO (acrónimo de Do It With Others), con interese por formarse e compartir tódolos aspectos relacionados co audiovisual nos novos soportes, vén de confiar na xente de A Navalla Suíza para impartir un Obradoiro de Open Video en linguaxe HTML5, que ao longo da xornada de hoxe celebrará a súa segunda sesión.
Segundo nos informan dende Eganet, parte do equipo desta firma compostelá atópase, xa que logo, impartindo este taller en Madrid, máis polo miúdo en Medialab Prado, que é un espazo propiciado polo goberno local da capital, destinado a producir, investigar e difundir a cultura dixital.
E é que A Navalla Suíza, responsable do deseño e creación de proxectos como Flocos.tv, Rede Nasa, Eu Falo ou máis recentemente a web de Praza Pública, ten ampla experiencia no terreo do deseño de contidos multimedia, apostando polo desenvolvemento en HTML 5, que ofrece un amplo abano de posibilidades.
Así pois, e coincidindo coa opinión dos responsables de Eganet, as persoas asistentes ao devandito obradoiro “contan cuns excelentes mestres”, algo que se pode corroborar, segundo din “repasando as opinións que os participantes están a verter no Twitter, agrupadas baixo o hashtag #mphtml5”.
Durante a xornada de onte, a primeira das sesión de traballo, Berto Yáñez fixo unha introdución teórica ao HTML 5 (que temos á nosa disposición na web da Navalla Suíza), facendo fincapé nas ferramentas de vídeo e de audio, para así poder impartir hoxe unha clase práctica, na que se traballará a definición de capítulos dun vídeo utilizando Javascript.
Nesta sesión tamén se exporá a inclusión de subtítulos en múltiples linguas, as posibilidades interactivas que ofrece o jquery.media e a sincronización de contidos (manual e con popcornjs), e levarase a cabo unha práctica por grupos na que se poderán resolver as primeiras dúbidas que xurdan da aplicación práctica.
Xa na xornada de mañá, último día do obradoiro, as clases irán encamiñadas á creación e desenvolvemento dun proxecto colectivo, para o que se empregarán os recursos e coñecementos adquiridos nas sesións anteriores.
Estas xornadas pódense seguir en streaming dende a web de Medialab Prado, ben na propia plataforma ou ben empregando o reprodutor VLC.
A Navalla Suíza imparte en Madrid a segunda sesión do seu obradoiro de HTML 5
Compartir Este Artigo

