A lectura achega coñecemento pero tamén nos dá pretextos para a investigación. Isto que é aplicable aos formatos tradicionais é aínda máis pertinente no plano dixital, un terreo en espallamento, pendente de explorar a fondo e rebordante de posibilidades, sobre todo á hora de deixarse levar por outras artes, formatos ou disciplinas. Achegar unha praza fixa e actualizada de investigación sobre a literatura electrónica que se fai no eido estatal, pero dende unha óptica cen por cen galega, é un grandes obxectivos de proxectole.es, web divulgativa inserida no proxecto de investigación da Universidade de Santiago Le.es: A literatura electrónica en España, inventario e estudo.
Segundo informa a USC, a páxina xa inclúe arestora un completo inventario dos autores máis importantes do dito contexto xeográfico dedicados á literatura ao abeiro das novas canles tecnolóxicas, tanto dende o punto de vista da creación en si mesma como dende o estudo arredor desa creación.
A web será un obradoiro, e polo tanto fica aberta como acubillo de estudos constantes e actualizados sobre este eido emerxente, híbrido, da e-literatura. A web e o proxecto do que abrolla veñen da man da Área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela e o seu coordinador é Anxo Abuín, profesor titular da Facultade de Filoloxía. A iniciativa conta co apoio orzamentario da Xunta de Galicia a través do Plan Incite e ao seu abeiro traballan 11 investigadores de toda a comunidade procedentes da filoloxía e a literatura comparada, así como doutros eidos como o teatro ou o xornalismo.
O equipo compóñeno ademais do propio Abuín, a profesora experta en Ciberliteratura María Teresa Vilariño, o catedrático e académico da RAE Darío Villanueva, o profesor da ESAD Alfonso Rivera, e os investigadores da USC Manuel del Río, Andrea Álvarez Pino, David Muíño, María López Suárez, Iria Castro, Saúl Rivas e María Yáñez.
A web, engade a Universidade de Santiago facéndose eco de información achegada polo grupo, atende a diversos ámbitos da creación como o net-art, a performance ou a narrativa transmedia. “Tamén se inclúe unha listaxe de teóricos e críticos que se dedican ao estudo das literaturas dixitais, sobre todo do ámbito español pero tamén de Portugal e Latinoamérica”, engádese. Os colectivos potencialmente beneficiarios das achegas deste proxecto son sobre todo os investigadores ligados á produción cultural nas novas canles e plataformas. Como novidade vindeira que xa se albisca ao lonxe, dicir que está previsto acoller un espazo propio para a creación de literatura electrónica feita dende a nosa terra, contemplándose a posta en valor de obras que se adiantaran ao seu tempo ao longo das pasadas décadas, no contexto TIC, arestora non dispoñibles xa no seu formato orixinal.
O proxecto Le.es investiga dende unha óptica galega o fenómeno da literatura electrónica
Compartir Este Artigo
