Cada vez son máis as apostas innovadoras que se levan a cabo para fomentar a lectura en formatos dixitais e atraer así a máis lectores, porén isto que a priori non ten nada de malo, leva consigo unha certa discriminación das persoas con discapacidade, que están a comprobar como a fenda dixital lles impide acceder, por agora, á mesma información que ao resto, e que a pouca que lles chega non o fai nun formato axeitado á súa lectura.
Precisamente con este fin, o de fomentar unha cultura xornalística de compromiso coa discapacidade, tivo lugar hoxe en Compostela o seminario Lectura fácil nos medios de comunicación, que inaugurou o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro.
Na súa intervención, Cabaleiro lembrou que “a lectura fácil nos medios de comunicación é unha ferramenta que permite achegar a información ás persoas con discapacidade intelectual”, e neste senso fixo un chamamento aos profesionais para que “realicen un esforzo de formación e actualización continuas, para así facer posible este achegamento”.
O titular de Medios referiuse, ademais, ás actuacións que desde este organismo se levan posto en marcha no eido da discapacidade, e citou entre outros exemplos a edición especial do contido da páxina web da Xunta en lectura fácil, que se estreou coincidindo coa celebración do Día Internacional da Discapacidade, o 3 de decembro.
Na apertura do seminario participaron, ademais do secretario xeral de Medios, o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, José Pereira Fariña; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto; o presidente do CERMI de Galicia, Anxo Queiruga; e a subdirectora xeral de Autonomía Persoal da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta, Patricia Toubes.
Medios aposta por tirar abaixo as barreiras comunicativas das persoas con discapacidade
Compartir Este Artigo

