A Biblioteca Práctica de Innovación de Galicia Aprende a innovar, posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, vén de facer reconto das descargas de publicacións dixitais especializadas rexistradas dende a súa estrea, e o resultado é que case se superan as 4.000 unidades.
O proxecto púxose en marcha para contribuír á difusión de ideas innovadoras facilitando a mellora competitiva das empresas, e a través do mesmo ofrécense de balde todo tipo de recursos formativos especializados en galego e castelán, adaptados tanto para a súa descarga no iPad como noutros formatos de libro electrónico ou pdf.
As persoas interesadas en botar man desta Biblioteca da Innovación de Galicia teñen que ser empresarios ou emprendedores, e deben rexistrarse previamente para ter á súa disposición unha boa colección de textos nos que se abordan catro temáticas interrelacionadas: a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.
Os responsables da ferramenta, que contan coa colaboración da editorial galega Netbiblo, prevén reforzar os contidos da mesma en abril, engadindo novos títulos sobre i-Economía, Eco-innovación, web semántica, Internet dos obxectos, liderado e innovación 2.0 e innovación sistemática, sumando un total de 24 títulos.
Un amplo abano de libros especializados de balde
No ámbito referido á xestión da innovación están dispoñibles títulos como Os Clusters, de Javier García Díez, centrado na cooperación empresarial como factor clave de mellora competitiva; ou O ABC da innovación, de Juan Vicente García Manjón e Javier Alfonso Rodríguez Escobar.
Entre os textos ofertados no ámbito da tecnoloxía están Biotecnoloxía, de Juan P. Duque, centrado nun dos sectores punteiros da innovación ou Provedores de coñecemento, de Javier González Sabater, así como Web 2.0, de José Luis Marín de la Iglesia.
No eido referido ao financiamento, na biblioteca inclúense publicacións como Business Angels, de Pablo Martínez García e José Gabriel García Ortega; I+D+i en Europa, de Manon van Leeuwen, que achega unha introdución ao VII Programa Marco da UE; ou Start-ups, de Isidre March Jorda.
No que respecta aos eidos do capital humano e a creatividade atópanse publicacións como Faino distinto, de Santiago Sousa Carreira ou e As 3R do seu negocio, de Fernando Sáenz-Marrero Fernández, con conceptos, ferramentas e casos de referencia que poden axudar a re-pensar, re-deseñar e re-emprender nun negocio. Este último é precisamente un dos textos máis descargados ata o momento, xunto con A actitude innovadora, de Antonio Flores.

