O Proxecto Abalar para a dixitalización do noso tecido educativo está a espertar interese alén das nosas fronteiras. Así o fai saber a Consellería de Cultura e Educación, que recibiu este martes 20 a representantes de máis de unha ducia de países que amosaron a súa intención de afondar na iniciativa con vistas a unha hipotética aplicación, en maior ou menor medida, nos seus contextos. En total, foron dezaseis as persoas que participaron na xuntanza co director xeral de Educación e Innovación Educativa, José Luís Mira.
Esta xuntanza prolongarase ao longo desta semana nunha serie de actividades a desenvolver en diferentes centros educativos da nosa terra, onde se manterán reunións de traballo e mesas redondas co profesorado e máis co alumnado do Proxecto Abalar.
O encontro insírese nunha visita de estudos que, á súa vez, encádrase no Programa de Aprendizaxe Permanente, establecido por Decisión do Parlamento Europeo e o Consello do 15 de novembro de 2006, programa que abrangue o período entre 2007 e 2013. Nel participan coordinadores de relacións internacionais, directores de centros, asesores, orientadores pedagóxicos, profesores universitarios, investigadores, coordinadores TIC, e profesorado de tecnoloxía e loxística, procedentes de trece países. O seu obxectivo é “contribuir ao desenvolvemento de políticas e cooperación en materia de aprendizaxe permanente en Europa”.
Entre as finalidades concretas da visita, sinala a Consellería, están a de achegar informacións sobre a conceptualización do Proxecto Abalar e a súa posta en práctica, coa finalidade de que sirva de base para a reflexión, o contraste e o intercambio de experiencias sobre os modelos de políticas educativas no eido das TIC dos países representados polas persoas asistentes á visita.
Abalar esperta o interese de expertos internacionais
Compartir Este Artigo
