Pódese practicar o comercio xusto na Rede? A resposta é si, sen dúbida, e ao mesmo nivel que se practica de xeito tradicional e cos engadidos de comunicación, promoción e participación 2.0 que promoven as redes de hoxe. Para quen ande á procura de servizos de mercado alternativos aos que impoñen as canles maioritarias, xeralmente inclinadas a deixar os cartos en quen menos o merece, dicirlle que xa hai tempo que funciona na rede Adzarus.es, un servizo que permite levar a cabo novos métodos para comerciar dun xeito racional e solidario, sen intermediarios e favorecendo a venda directa dende o sitio do que xorde un produto ata o consumidor.
En certa maneira estamos a falar dunha web que entronca coa iniciativa galega GranxaFamiliar, un exemplo perfecto de comercio xusto e sustentable, aplicable a moitos ámbitos diferentes do galego.
Adzarus.es, unha canle ceibe de comisións, segundo indican os seus responsables, dá acubillo a calquera produtor ou tenda a través da posta en marcha dun establecemento en liña propio. Dende o seu seo anímase a agricultores e produtores a vender artigos “sen ningún tipo de custe adicional e directamente co comprador, vendendo cara a cara”. A idea é tirar proveito das posibilidades da Internet 2.0 para impulsar os medios de vida duns produtores cada día máis empobrecidos polo baixo prezo que reciben das grandes superficies. Asemade, quéreselle dar servizo aos consumidores, unha boa porcentaxe deles cansos xa de deixarlles os cartos da compra aos intermediarios e aos axentes que non teñen responsabilidade algunha na produción do que se merca. A plataforma en liña, que ten a subcategoría Comercio Xusto, é unha tenda de tendas na que xa se pode ir atopando de todo, e coa vantaxe dun prezo competitivo (en moitos casos máis barato do que se pode atopar en moitos supermercados), de non ter pasado por cámaras de maduración nin de ter sido obxecto de aplicación de pesticidas ou produtos químicos. Adzarus.es é unha plataforma de venda cen por cen de balde e que xurdiu o pasado ano en Barcelona. Está aberta á participación de toda a comunidade internauta e non son precisos grandes coñecementos de informática para tirarlle partido.
Chamamento a tirar partido da Rede para a práctica do comercio xusto
Compartir Este Artigo
