
No que respecta ao Polo de Innovación, representa na opinión do reitor vigués e da delegada da Zona Franca un exemplo perfecto de “cooperación intelixente”. Sinalar que a súa primeira actividade é a Factoría de Innovación, un centro de alto rendemento que xuntará baixo un mesmo teito a 24 empresas galegas no Porto do Molle, en Nigrán, nun edificio en fase de remate. Mato fixo saber que tódalas accións inseridas neste Polo de Innovación responden ás conclusións dun estudo que Zona Franca encargou a un grupo de investigadores da Universidade encabezado por Xosé Henrique Vázquez, no que se analiza a situación da innovación en Vigo e na súa área de influencia.
O reitor tamén informou de que a Zona Franca é arestora o “principal aliado estratéxico da Universidade”. Para Pedrosa é importante apostar polo aproveitamento do medre que a Universidade amosou en tecnoloxía, innovación, I+D e emprendemento.
Volvendo á Factoría de Innovación de Nigrán, dicir que será un espazo para que as PEME galegas incrementen a súa competitividade no desenvolvemento, implantación e deseño de actividades de I+D+i e facer efectiva a transferencia ao tecido industrial de todo o coñecemento xerado polos investigadores vigueses.
Esta factoría funcionará como un centro de excelencia no que realizar planes individuais de adestramento para axudar ás compañías a desenvolver proxectos de I+D+i ao tempo que se potencia a difusión da cultura innovadora.
Universidade e Zona Franca traballarán polo pleno rendemento da CITEXVI e a Factoría de Innovación
Compartir Este Artigo
