A plataforma en liña especializada en restauración e hostalería, Menus.es, por certo unha ferramenta galega da que xa perdemos a conta dos premios que ten recibido dende a súa estrea, vén de perfeccionar a súa aplicación para smartphones e móbiles de última xeración, coa que lle facilita aos seus usuarios a busca dos establecementos xeolocalizados máis próximos á súa posición.
Trátase unha sinxela aplicación que, paradoxalmente, resulta de gran utilidade para as persoas que se atopan de viaxe ou que precisan atopar locais de hostalería con urxencia, podendo realizar as súas buscas polo criterio que mellor lles acaia, como o tipo de menú, o prato do día ou se dispoñen de cupóns desconto cos que poder beneficiarse de vantaxes económicas.
Nesta app, válida para iPhones e móbiles con Android, o usuario dispón dun mapa que lle indica como chegar ao establecemento a partir da súa ubicación, e permítelle asemade, acceder aos cupóns de desconto que haxa dispoñibles en cada local de ocio e canxealos de xeito máis doado que antes.
Agora, grazas á tecnoloxía QR, no caso de acceder a un establecemento do que se ten cupón de desconto, o usuario tan só deberá mostrar o cupón dende o seu móbil para poder aproveitarse da oferta.
Desta maneira, o local de hostalería, que dispón doutra aplicación de seu desenvolvida por Menus.es, canxea directamente o cupón e serve o menú adquirido previamente, aforrando deste xeito tempo e molestias ao cliente.
A aplicación é de balde e xa está dispoñible tanto na Apple Store para usuarios de iPhone como no Google Play Store (antigo Android Market) para usuarios de SO Android.
Menus.es axiliza o seu sistema de busca de establecementos xeolocalizados
Compartir Este Artigo

