A Consellaría de Traballo e Benestar vén de anunciar a celebración dunha nova xornada formativa en tecnoloxía útil para pequenas e medianas empresas do país, que terá lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia o vindeiro 26 de abril.
Desta volta falamos dun Seminario técnico sobre o servidor baseado en Linux, Zentyal, ideal para pequenas e medianas empresas interesadas en optimizar a súa actividade administrativa.
Máis polo miúdo, trátase da presentación dunha plataforma de administración cun deseño que permite integrar os seus servizos nunha mesma interface unificada, que asemade conta con configuracións probadas en múltiples contornas e que, en palabras dos seus responsables, permite realizar con éxito o que se coñece como “boas prácticas”.
Durante a presentación, que dará comezo a partir das 16:30, os relatores usarán unha instalación de Zentyal real sobre a que irán probando e resolvendo as posibles dúbidas que lle xurdan ás persoas asistentes sobre as posibilidades expostas.
Este seminario, que vai dirixido especialmente ao persoal técnico responsable da administración de sistemas en calquera entidade (pública ou privada), complementa ao que se celebrou recentemente sobre administración avanzada de Red Hat Linux, e completarase con outra xornada a celebrar en breve, na que se tratarán temas relacionados coa seguridade en contornos Linux.
O relator da xornada será José Juan Montes, Manager de Support & Online Services en Zentyal. Este experto traballou previamente en varias compañías TIC en España e Reino Unido, participando entre outros proxectos no desenvolvemento de aplicacións de negocio e de ISP para R e Vodafone, sistemas de xestión documental (EMC Documentum), e na administración e deseño de sistemas informáticos baseados en software libre.
As persoas interesadas en asistir a esta xornada poderán facelo de balde previa inscrición en liña a través da web do CNTG.
O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 25 de abril.
O CNTG organiza un Seminario técnico sobre o servidor Zentyal para PEME
Compartir Este Artigo

