
Segundo nos conta AGASOL reflectindo informacións emitidas polo Goberno de Euskadi, todos estes obxectivos materialízanse nun decreto, arestora en fase de tramitación, para integrar e afianzar programas abertos en toda a Administración. Esta iniciativa implica tamén a liberación das novas aplicacións que se desenvolvan nun directorio de seu.
O proxecto do decreto ten a súa orixe nun acordo asinado entre a entidade equivalente a AGASOL en Euskadi, ESLE, e o Goberno autonómico. En virtude deste achegamento, estableceuse unha liña de colaboración con vistas a achegarlles aos cidadáns e máis ás empresas un servizo público “máis eficaz e próximo, a través do uso das tecnoloxías da información, sendo parte integrante do pulo a estes instrumentos o uso do software libre”, reflicte a asociación galega.
Para AGASOL, entre as principais propostas do acordo e máis do decreto que del abrolla atópanse as seguintes: que se obrigue a todo o ámbito público á reutilización do código informático existente e liberado, e que se lle esixa a liberación do código contratado con licenza libre. A xuízo da asociación galega estamos ante a primeira administración pública de Europa que toma esta decisión dun xeito “tan integral e fondo”. As principais vantaxes disto son moitas e variadas, pero a medida ten potencial para reducir custes e para fomentar o crecemento do sector local, ao presentarlles novos modelos de negocio.
O Goberno de Euskadi sitúase na vangarda europea en materia de aposta polo software libre
Compartir Este Artigo
