
Como non podía ser doutra maneira a feira contou con presenza galega, da man de 36 estudantes de Secundaria e Bacharelato de colexios de Vigo e Ourense, que se desprazaron ata Barcelona para amosar o seu talento científico e innovador perante milleiros de persoas que cada ano visitan esta feira.
Entre os participantes galegos atopábanse os gañadores da última edición da Galiciencia, dous alumnos do IES O Couto (Ourense) que co dispositivo iKinect conseguiron meter nos seus petos ao xurado da maior feira científica que se celebra en Galicia.
O iKinect funciona mediante unha adaptación da cámara da videoconsola Xbox, que permite controlar o ordenador cos propios movementos sen necesidade de usar o rato e o teclado.
Todos estes estudantes que representaron ao noso país na Exporecerca trasladábanse unha tarde por semana ata o Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, onde levaban a cabo os seus proxectos axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características.
Os estudantes recibían formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e viaxaron ata Barcelona coa lección ben aprendida.
Das Aulas Tecnópole chegaron á capital catalá proxectos nos ámbitos das TIC, da ecoloxía e das enerxías. Un deles era un estudo sobre a influencia das radiacións que emiten os dispositivos móbiles, coma os teléfonos ou os routers wifi, na xerminación das sementes e o crecemento das plantas, coa conclusión de que existe unha relación directa alomenos no proceso de xerminación. Outro equipo construíu unha pantalla táctil caseira cun custo inferior aos 100 euros partindo dun monitor de ordenador estándar, unha cámara da consola Play Station e uns focos infravermellos.
O deseño dun detector de radiacións caseiro económico foi o obxecto do traballo doutro dos equipos das Aulas Tecnópole, que o usaron para avaliar as posibles zonas con risco radioactivo en Ourense. Ademais, presentaron o Ecodolium, un ecosistema acuático hermético que non require mantemento nin alimentar aos organismos que o forman. Os seus creadores desenvolveron, con base neste sistema, acuarios nos que viven gambas e algas en equilibrio.
Por último, os alumnos das Aulas Tecnópole levaron á Exporecerca un dispositivo de obtención de termoelectricidade. Utilizando un dispositivo coñecido como Placa Peltier, deseñaron un sistema que extrae enerxía nas bateas aproveitando o contraste térmico entre as zonas que reciben luz solar e as somerxidas.
O director xeral de I+D+i da Consellería, Ricardo Capilla, acompañou aos 36 estudantes que se desprazaron ata Barcelona, onde ademais de compartir espazo con rapaces e rapazas de toda España, tamén coñeceron mozos e mozas de países coma Eslovaquia, Bélxica, Francia, Turquía, México e Brasil.
De volta en Galicia os estudantes que participaron na Exporecerca cos seus proxectos TIC
Compartir Este Artigo

