
Trátase de que os promotores dos proxectos seleccionados para participar nesta iniciativa de captación de capital vaian o mellor preparados posible e expoñan con soltura os seus proxectos tecnolóxicos, para o que contarán co asesoramento dunha ducia de profesionais de recoñecido prestixio no ámbito TIC, que os formarán en labores de mentorización e consultoría.
Esta formación a maiores permitiralles aos emprendedores tecnolóxicos aumentar as posibilidades de atopar financiamento para a súas empresas entre os investidores convocados para o III Encontro de VCN, onde comprobarán de primeira man a viabilidade dos proxectos presentados.
As sesións da Vindeira Venture Academy comezaron o pasado venres no Edificio Emprendia en Santiago de Compostela, cun acto de apertura no que participou o director xeral de Xesgalicia, Juan Cividanes, entre outras personalidades.
Cividanes informou ás persoas asistentes sobre as posibilidades de financiamento que achegan os fondos Xes-Innova e i2C, ferramentas deseñadas pola Consellería de Economía e Industria para apoiar os proxectos emprendedores especialmente innovadores, e loubou a actividade formativa da Xunta neste senso.
Este programa formativo é o paso previo á presentación dos proxectos emprendedores tecnolóxicos no III Encontro VCN, un evento de capital risco que organizan Vindeira-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, XES Galicia, BIC Galicia e a USC, e que está promovido polo Clúster TIC Galicia e o IGAPE, coa colaboración de Uninvest/Unirisco.
Na edición deste ano está prevista a implicación de preto de medio cento de investidores, tanto galegos como do ámbito nacional e internacional, que, segundo afirman os seus promotores, “favorecerán o inicio de novas roldas de financiamento e afianzarán a rede de apoio á creación de start-ups do sector TIC en Galicia”.
Economía e Industria estrea un programa de axuda a emprendedores tecnolóxicos
Compartir Este Artigo

