O xogador de baloncesto español Pau Gasol leva tempo colaborando con UNICEF como embaixador con distintas iniciativas que buscan achegar fondos a programas de supervivencia infantil, para o que lanzaron un conto interactivo titulado Regala un día con versións para iPhone e iPad á venda na App Store por 1,59 euros (así como para móbiles e tablets con Android por 1,79 euros) e que contan coa narración en español, catalán e inglés do propio Gasol. A obra parte dun poema de Carmen Gil ilustrado por Emilio Villalba, e “trata sobre a importancia de axudar aos nenos a superar as dificultades máis grandes da vida, que é o que UNICEF fai cada día en todo o mundo”.
Esta aplicación para dispositivos móbiles foi desenvolvida pola compañía española PlayTales, e cun formato dinámico e atractivo permite descubrir a situación difícil na que viven moitos nenos e o que podemos facer para axudar a cambiar a súa situación.
Aparte de mercando a aplicación, tamén é posible colaborar con UNICEF de xeito virtual coa campaña Dona1Día.com, que xa recibiu máis de 854 mil doazóns.
Vídeo promocional desta nova iniciativa de Pau Gasol para UNICEF

