
Esta actividade coñécese como modding, do inglés modify (modificar), e consiste en transformar estética ou funcionalmente as partes do computador que nos dite a imaxinación: ben sexa o teclado, a torre, o monitor, o rato (no caso dos menos atrevidos) ou o conxunto enteiro, transformado o noso equipo nun microondas, na maceta dunha planta, nun coche de carreiras ou mesmo nunha caixa de cervexas ao máis puro estilo retro (e si, non o dubidedes, temos visto tódolos exemplos que achegamos).
De feito, para poder ver in situ algúns dos máis orixinais modelos de modding xerminados en mentes galegas, basta con dar unha volta polo Pazo de Congresos nesta edición do Xuventude Galicia Net, a 12+1 (como o famoso reality de televisión), onde non faltará tampouco o tradicional concurso de modding no que se valorarán os equipos máis orixinais.
Para personalizar os nosos ordenadores podemos optar por moitas técnicas que pasan por engadir compoñentes, modificalos ou ben sacarlle partes ao equipo, porén esta última opción é a máis perigosa para a integridade da ferramenta informática e, polo tanto, a menos utilizada polos modders máis experimentados.
E é que cando se trata de darlle renda solta á imaxinación, a mente humana non coñece os límites, e as pezas que saen dese torrente de creatividade non deixan a ninguén impasible, nin sequera aos que xa están acostumados a ver este tipo de estética nos vehículos, o que coñecemos como tunning.
Á hora de transformar os equipos informáticos o que se soe facer é construír fiestras aos laterais da torre para facer visible o interior e conseguir un efecto estético diferente; tamén se opta por substituír os díodos LED por outros máis potentes ou por cátodos fríos de diferentes cores que crean un efecto futurista; e mesmo se aposta por pintar o interior e exterior da caixa ou colocar algún elemento orixinal que lle dea un estilo único, como reixas, bordados, logotipos…
O caso é non pasar desapercibido alén onde cheguemos co noso ordenador, e iso conséguese si ou si empregando utensilios como tambores de lavadora, rodas, caixas de cervexas, maletíns, armarios, ou como dixemos anteriormente, microondas ou torradoras de pan, entre outros electrodomésticos, cos que substituír a estrutura e improvisar unha torre que diste moito da orixinal porén que siga a cumprir o seu cometido: albergar os compoñentes necesarios para que a máquina tire.
O resultado de aplicar esta última técnica podémolo ver nas fotografías que acompañan a reportaxe: nalgún caso sabemos que é un ordenador porque o di no pé de foto, xa que doutra maneira nunca diríamos que se trata dun equipo co que editar os nosos documentos dixitais ou co que interactuar na Rede.
Todo sobre o tuneo dos computadores, a partir do 4 de maio en XGN
Compartir Este Artigo

