Habendo como hai tantas ferramentas en Internet coas que interactuar, comunicarnos e intercambiar experiencias e coñecementos con persoas de calquera punto da xeografía, é unha magoa que a maioría das empresas do sector turístico do noso país aínda non botasen man delas para promover os seus negocios hoteleiros e de turismo rural na Rede, facendo de Galicia un destino turístico atractivo para visitantes de todo o mundo.
Isto é precisamente o que pretende red.es co programa Aloxamentos conectados, posto a andar en varias Comunidades Autónomas, incluída a nosa, para o que se contou co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A iniciativa permitiralle aos empresarios de pequenas e medianas empresas do sector turístico do país potenciar a actividade dos seus negocios na Rede, así como beneficiarse de solucións tecnolóxicas de utilidade para mellorar xestións necesarias en negocios deste tipo, tales como as reservas, as estancias, o marketing, a atención postvenda…
A convocatoria das subvencións vai dirixida a autónomos, micropemes e pemes de ata un máximo de 49 empregados, que operen no sector hoteleiro e de aloxamentos de turismo rural en Galicia, e inclúen tres tipos de solucións e servizos tecnolóxicos á medida das necesidades de cada empresa.
Por unha banda achégase unha solución de Xestión de Propiedade (PMS) que permita axilizar a operativa dun establecemento hoteleiro ou dun aloxamento rural; esta opción inclúe equipamento, instalación da solución e servizos asociados; tamén se achegan servizos para mellorar a web a través da realización de contidos audiovisuais ou dunha auditoría en usabilidade, posicionamento e estrutura da información; ou por último, servizos de marketing en liña que, entre outras cousas, inclúe a elaboración dun plan estratéxico, a mellora da xestión de clientes, a adecuación das bases de datos á normativa vixente ou a reputación en liña da marca.
Amais da oferta de solucións e servizos tecnolóxicos, o programa complétase coa realización de ata 45 talleres de capacitación de carácter eminentemente práctico, aos que se agarda que asistan máis de 900 empresarios e autónomos do sector hoteleiro e de turismo rural do país.
As persoas asistentes a estas sesións obterán as claves para a utilización das distintas canles de distribución que ofrece Internet, tanto para a promoción como para a comercialización dos seus servizos.
Creación dun portal de apoio
A maiores de todo o anterior, a iniciativa inclúe a posta en marcha dunha web na que se poderá atopar de xeito doado todo tipo de información relativa ao programa, ás axudas, aos talleres… así como informes, novas sobre o sector, manuais formativos e exemplos de boas prácticas enfocadas ao sector hoteleiro e de turismo rural tales como marketing dixital, redes sociais, fidelización de clientes, posicionamento web e calidade, entre outros temas de interese.

