Hoxe abriu as súas portas o Xuventude Galicia Net máis solidario de todos os que se levan celebrado ata o de agora (un total de 12), ao estar especialmente orientado a axudarlle á mocidade a atopar traballo, ou a lo menos, a afianzar o contacto con distintas empresas nas que poidan colaborar nun futuro.
Para isto, nesta convocatoria non só priman os xogos, torneos e actividades lúdicas para tódolos públicos (que tamén son necesarias, ninguén o dubida), tamén estamos perante unha edición na que prima a formación e a divulgación de canles e recursos de utilidade para orientar á mocidade na súa andaina profesional.
A axenda deste venres, 4 de maio, sinala a celebración dunha xornada de Activismo Dixital, ás 16:00 horas, na aula 8 do Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, onde, da man de persoal de Médicos sen Fronteiras, de AGARESO, da Cruz Vermella e de Intermón Oxfam, entre outras entidades, daranse a coñecer as claves deste modo de participación social complementario ó voluntariado, que emprega as TIC para solidarizarse coas causas sociais.
Xa ás 17:00 horas terá lugar un relatorio sobre Neuromarketing web, na aula 4; e ás 18:00 horas, para despexar un pouco a mente de tanta información, darán comezo as actividades de maquillaxe e caracterización, da man de expertos maquilladores, e o obradoiro de xogóns, de carácter máis lúdico, porén non menos interesante.
A xente de Krynea ten preparada para as 19:00 horas, unha charla sobre o desenvolvemento de videoxogos en liña, así como unha manchea de actividades a desenvolver ao longo do venres e o sábado, como un obradoiro de fabricación de armas de softcombat, unha batalla de softcombat por alianzas ou un torneo desta modalidade individual, entre outras sorpresas.
Tamén está prevista para as 19:00 horas a intervención de Leopoldo Abadía, que como apuntamos onte, é un profesor e escritor moi coñecido na Rede pola súa análise da crise económica actual, a partir da teoría Ninja.
O obradoiro Como lograr que un blog funcione dará comezo a partir das 20:00 horas, e servirá para mostrar a utilidade desta ferramenta, tanto para xornalistas como para profesionais doutros sectores que pretenden darse a coñecer na Rede. O relator explicará a súa valía a partir dun decálogo deseñado para a ocasión.
A xornada deste venres remata cun ciclo de cine de Zombies, no que se poderán integrar plenamente as persoas que se caracterizaron ao longo da tarde nalgún morto vivente.
Xornada de xogos, obradoiros e relatorios no primeiro día do XGN
Compartir Este Artigo

