
Esta entidade, que está composta na actualidade por 68 empresas asociadas de acreditada experiencia en hardware, software, redes e telecomunicacións, Internet e contidos, formación TIC e Consultoría TIC, acadou unha facturación conxunta de 165 millóns de euros, o 7,5% do total da facturación do sector TIC en Galicia.
Outro dato importante que a asociación deixou ver é que en conxunto, as empresas asociadas teñen 2.000 persoas empregadas, que supoñen o 13% dos empregos directos do sector TIC en Galicia.
Como asociación, INEO executou en 2011 un presuposto de 548.000 euros, e xerou, entre retornos directos e indirectos, uns 400.000 euros nas compañías asociadas, grazas, segundo din, “aos proxectos de innovación impulsados pola organización e o seu labor de posicionamento como socio tecnolóxico de referencia en distintos sectores”.
No tocante ao retorno indirecto, INEO asegura ter fomentado en 2011 a captación de máis de 4,8 millóns de euros de financiamento para proxectos de innovación desenvolvidos por empresas asociadas.
Unha parte importante deste volume de financiamento corresponden á primeira convocatoria do Plan Innterconecta, xestionado polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) e pola Consellaría de Economía e Industria, e que INEO impulsou en Galicia xunto coas Confederacións de Empresarios de Galicia e de Pontevedra.
A isto hai que engadirlle os proxectos desenvolvidos para distintas asociacións e entidades públicas e privadas, como distintos concellos de Galicia e Portugal ou o IGAPE, entre outras.
E é que INEO, segundo podemos comprobar, non suma só en cifras, tamén en colaboración, e prevé seguir nesta liña e incluso incrementala no vindeiro exercicio do 2012.
Incremento do 25% no presuposto de 2012
Durante a última Asemblea Xeral da entidade, a directiva tamén expuxo os obxectivos que ten marcados para este ano, no que prevén potenciar as súas liñas de traballo en cooperación, competitividade, representatividade e excelencia, e para iso aprobaron un presuposto que supón un incremento do 25% con respecto ao exercicio que acaba de pechar.
Neste senso, en 2012 INEO prevé executar un presuposto de máis de 700.000 euros, xerando un retorno directo del 50% do mesmo, como mínimo, para as empresas asociadas e acadar un 80% desa cantidade entre retornos directos e indirectos.
Novo modelo económico interno
A finais de 2011, sabedores da situación económica que se está a sufrir a nivel global e conscientes do contexto axustado que atravesan moitas empresas, INEO aprobou un novo modelo económico interno, polo cal tódalas empresas que se asocien a INEO en 2012 terán un desconto de ata un 70% na súa cota de entrada, e tódolos socios verán reducida nun 10% a túa cota en 2012.
A isto hai que engadirlle o novo catálogo de servizos máis especializados que ofrecerá a asociación este ano, e o amplo abano de actividades e colaboracións que tan ten encamiñado para celebrar neste exercicio vindeiro.

