
Tratase dun sistema que permite mellorar tanto a formación a distancia online como baixo demanda, e que amplía o abano de posibilidades de traballo colaborativo remoto que xa viña ofrecendo o CESGA.
A vantaxe máis importante que achega o emprego deste novo soporte é que permite un aforro considerable en tempo e custes para o centro e os seus socios, por exemplo, segundo informan, “reducindo o número de viaxes ao ano ou incrementando a produtividade, sen diminuír en absoluto a presenza da institución en proxectos internacionais”.
Access GRID é un conxunto de ferramentas tecnolóxicas sofisticadas que facilitan a colaboración remota usando vídeo e audio, e que en palabras dos seus responsables, “vai máis aló da videoconferencia” posto que permite manter sesións de colaboración na distancia a través de vídeo, audio, computadores con pantallas extra-grandes e con varias cámaras por nodo.
Segundo informan, “o CESGA é pioneiro en España en tecnoloxía AccessGRID, coa instalación da súa sala no ano 2005”, e dende entón dedicouse a transferir ese coñecemento alén das súas instalacións en empresas galegas e de fóra do país, permitindo levar a cabo proxectos nacionais e internacionais na distancia sen perder o fío do seu seguimento.
Con esta última incorporación da empresa GDI, o CESGA vén de reforzar a súa aposta pola teleformación en HD, botando man para iso de solucións de baixo custe que non por iso descoidan a súa calidade e eficacia.
Os seus desenvolvedores destacan da nova ferramenta a súa “sinxeleza de uso”, tanto por parte do profesorado, que pode xestionar e difundir as súas clases a través de Internet; como do alumnado, que dende os seus móbiles, tabletas ou PCs poden formular preguntas e seguir as súas explicacións en vídeo de alta definición.
O CESGA aposta en tecnoloxía HD para mellorar o seu sistema de teleformación
Compartir Este Artigo

