Esta mañá o Consello da Xunta aprobou o proxecto de Lei de impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia tras recibir o informe preceptivo do Consello Económico e Social, que será a primeira norma coa que contará Galicia neste ámbito, e ten como obxectivo axilizar e facilitar o despregamento ordenado de infraestruturas de telecomunicacións en todo o territorio dun xeito homoxéneo, harmónico e respectuoso co ambiente, a paisaxe e o patrimonio cultural.
A lei será agora remitida ao Parlamento de Galicia, co que complementarase a estratexia estatal en materia de telecomunicacións para fomentar o investimento dos operadores e o despregamento de infraestruturas, favorecendo así ao espallamento da banda larga e mellorando as redes móbiles.
Unha das principais medidas recollidas na presente lei é o desenvolvemento dun Plan de ordenación das infraestruturas de telecomunicación de Galicia que permitirá establecer os criterios que deberán seguir os concellos e a Xunta de Galicia na planificación do territorio e converter os servizos de telecomunicacións nun elemento máis de planificación urbanística de modo similar á luz e á auga.
Ademais, a norma obrigará, cando sexa preciso, os operadores a compartir as súas infraestruturas para o despregamento de redes de telecomunicación, o que contribuirá a unha implantación ordenada e eficiente das infraestruturas e ao fomento da competencia.
Por outra banda, a norma regula a previsión de infraestruturas de telecomunicación nos novos edificios públicos autonómicos así como a interconexión destes ás redes públicas electrónicas existentes. Isto garantirá o acceso aos servizos de telecomunicación de todos os centros públicos e reducirá o custo que suporía implantar solucións con posterioridade.
Por último, a lei recolle a creación dun Consello Asesor para as Telecomunicacións e o Desenvolvemento Dixital de Galicia, coa conseguinte desaparición do actual Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, que se configurará como un órgano de estudo, asesoramento e apoio ao Goberno da Xunta de Galicia na definición e execución das políticas de telecomunicacións.
Feijoo asegura que a lei blindará as telecomunicacións en Galicia
Tras a celebración do Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijoo declarou ante os medios que a norma que están a tramitar supón a blindaxe das telecomunicacións en Galicia como “un servizo básico, igual que é un servizo básico a luz ou a auga”.
O presidente da Xunta resaltou que se pretende evitar “que se dupliquen esforzos e investimentos na administracións públicas”, o que implica “maior coordinación entre os axentes públicos e os axentes privados”, polo que a Lei obrigará aos operadores de telecomunicación e aos concellos a remitir periodicamente información sobre os seus plans de despregamento executados ou previstos. Con esta información, engadiu, se desenvolverá “o mapa de infraestruturas de telecomunicación de Galicia que evitará a superposición de iniciativas dos operadores privados e dos concellos”. Segundo apuntou, imporase tamén unha maior coordinación entre os axentes privados, posto que a norma os obrigará a compartir infraestruturas.
Nas súas declaracións, o presidente da Xunta afirmou que a Lei de telecomunicacións ten como obxectivo impulsar o sector, que en Galicia implica a 1.500 sociedades e 13.000 empregos, ao tempo que blindar para os cidadáns este servizo público.
