O pasado venres, 25 de maio, o Cluster TIC Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria en Santiago de Compostela, nunha xornada na que ademais de aprobar a contas anuais e atender ás solicitudes dos seus socios, deu luz verde ao plan operativo para o futuro inmediato da entidade.
Este plan, estruturado sobre catro eixos (desenvolvemento interno, innovación, internacionalización e competitividade sectorial) contempla o desenvolvemento de accións para fortalecer o sector TIC, en palabras dos seus responsables, “mellorando a capacidade das empresas para competir nos mercados”, e tamén prevé a posta en marcha dunha axenda de iniciativas capaces de dinamizar os sectores clave da economía galega, segundo afirman, “mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras no eido das TIC”.
Dende o Cluster afirman que seguirán a traballar para reforzar a súa base de socios “e os lazos de cooperación entre estes”, así como a súa estrutura administrativa e de xestión, ao que hai que engadir a súa intención de poñer en marcha “un ambicioso proxecto de internacionalización empresarial e un observatorio do sector TIC galego”.
Gerardo Crespo Riestra, presidente do Cluster TIC Galicia, destacou no marco da Asemblea que desde novembro de 2011, data na que se fixo cargo da máxima responsabilidade na entidade, “déronse pasos importantes para reforzar a operatividade da entidade, cunha orientación moi clara cara as necesidades das empresas e as prioridades do sector”, engadiu.
Crespo Riestra tamén salientou a importancia do labor dos grupos de traballo
e o achegamento a “entidades representativas doutros sectores económicos, e aquelas vinculadas ás universidades para poñer en marcha acordos de colaboración”.
A Asemblea Xeral, que foi de portas abertas, aprobou os informes presentados polo Comité
Estratéxico e o Comité de Dirección, as contas correspondentes ao exercicio 2011 e o orzamento para 2012. Igualmente, deu luz verde ao Regulamento de Réxime Interno, que, segundo afirmaron, “dotará á entidade de maior transparencia e capacidade operativa”.
O Cluster TIC Galicia prevé no seu plan operativo fortalecer o sector tecnolóxico galego
Compartir Este Artigo

