A Consellería de Economía e Industria fixo posible, a través do IGAPE, que unha delegación empresarial formada por empresas galegas de distintos sectores, visitasen esta semana Israel, un país do que din “destaca polo seu potencial innovador”, para abrir alí novos vieiros de colaboración institucional e comercial.
A viaxe tivo lugar no marco da iniciativa Maio de Galicia en Israel, que levou ata ese país diversas compañías galegas do eido da tecnoloxía, a innovación, as enerxías renovables e a biotecnoloxía, así como dos sectores da construción e da agricultura, para participar en eventos e feiras de mostras internacionais que tiveron lugar neste mes.
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, que encabezou a delegación galega que participou durante esta semana no Maio de Galicia en Israel, mantivo encontros institucionais con importantes axentes de comercio e da industria israelí, así como co responsable da axencia do Goberno de Israel que se ocupa de promover as relacións entre as empresas do país e as estranxeiras.
Entre as empresas galegas que participaron nalgunha das mostras internacionais programadas en Israel neste mes de maio figuran Galchimia, Telecon Galicia, Teaxul, Cultivos Casaíta ou UtilVigo, que participaron activamente nos eventos que máis se axeitaban ás súas características e intereses.
No tocante ao sector TIC, destacaron as feiras Agritech 2012, sobre tecnoloxía agrícola; ILSI BioMed, de ciencia e tecnoloxía, e New Tech Enhibition, sobre alta tecnoloxía e electrónica.
A misión da delegación galega serviu para abrir novas vías de colaboración, tanto con institucións como con entidades privadas relacionadas coa promoción da actividade empresarial, “vías chamadas a facilitar o estreitamento de relacións comerciais entre empresas galegas e israelís”, afirman dende o IGAPE.
Empresas TIC galegas abren vieiros de colaboración institucional en Israel
Compartir Este Artigo

