Por segundo ano consecutivo, a firma galega de telecomunicacións, Televés, que por certo vén de cumprir con éxito o seu Plan NP100 de renovación do catálogo de produtos, participou no evento Hotel Show Exhibition de Dubai, unha cita de referencia do sector hoteleiro do país que se celebrou entre o 15 e o 17 de maio.
Alí a compañía galega tomou parte no evento como socia e provedora de solucións da división de IPTV Hospitality de Etisalat, que, segundo afirman, “é o meirande operador de telecomunicacións de Oriente medio”.
Neste senso, o director xerente de Televes Middle EastEZE, David Goldar, sinalou que o feito de que o operador de telecomunicacións de maior dimensión e recoñecemento da rexión elixise a Televés como socio e provedor de solucións IPTV “é a culminación de moitos anos de duro traballo e investimento para o deseño, desenvolvemento e fabricación dunha gama de produtos punteiros para o sector hoteleiro”.
Na súa edición 2012, Hotel Show Exhibition reuniu durante tres días de intenso traballo a preto de 15.000 profesionais das industrias provedoras do sector hoteleiro, cun programa que incluíu conferencias, demostracións e accións de networking, nas que Televés participou activamente.
Asemade, a compañía compostelá aproveitou a cita para presentar a súa gama de produtos e solucións específicas para o sector hoteleiro: a HITV, VOD… mostrando a súa aposta pola investigación e desenvolvemento, como panca, segundo din, “para diversificar a súa oferta e responder ás demandas dos clientes máis esixentes e tecnoloxicamente máis avanzados”, “como é o caso de Etisalat”, engaden.
A tecnoloxía galega espertou interese na Hotel Show Exhibition de Dubai
Compartir Este Artigo

