
Neste senso, Pereira anunciou que a Xunta vai darlle prioridade a este obxectivo, “actuando como o nodo, que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado, para facilitar o intercambio de información e documentos entre as entidades públicas”.
Isto fará posible que, ademais de interconectar as administracións locais entre si e estas coas autonómicas e estatais, a cidadanía poida resolver as súas xestións con calquera administración, nun único procedemento ou trámite, independentemente do nivel administrativo ao que se acheguen.
A responsable de Modernización sinalou que a Xunta xa avanzou nesta liña coa implantación en 2011 do portal de interoperabilidade en todas as consellerías, que permitiu eliminar a petición de documentación básica como o DNI e o certificado de empadroamento.
Segundo informan dende o Executivo, durante o pasado ano esta ferramenta “evitou a presentación de ambos os dous documentos en máis de 22.000 trámites de cidadáns e empresas coa Administración autonómica” o que nos ofrece unha idea do que suporá agora a interoperabilidade a gran escala en todo o país.
O obxectivo, segundo avanzou, “é consolidar este nodo de interoperabilidade para avanzar na eliminación doutro tipo de información de carácter xeral como o título de familia numerosa, datos catastrais, titulacións académicas ou situacións tributarias”.
Para acadar este obxectivo será fundamental o Centro de Proceso de Datos Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en funcionamento este verán e desde a que se xestionará toda a documentación que xera a Administración autonómica.
Este Centro, que se atopa nas instalacións da Cidade da Cultura, prestaralle servizo a concellos, deputacións e universidades.
A conexión dixital entre as administracións galegas, máis preto
Compartir Este Artigo

