A firma galega de telecomunicacións Televés, que xogará un papel especial nas xornadas Telcom 1012, a celebrar o vindeiro 1 de xuño en Vigo, tamén é noticia hoxe en tódolos medios polo recente nomeamento de Santiago Rey como director xeral de Televes Corporation, a multinacional que integra 20 empresas tecnolóxicas en España, Portugal e outros oito países.
Rey, licenciado en Ciencias Físicas pola USC, comezou a súa andaina profesional no mundo das telecomunicacións da man de Televés, cando no ano 1988 se incorporou á empresa na área de Xestión da Calidade.
Dende entón, segundo nos fai saber a compañía, as súas responsabilidades evolucionaron polas distintas áreas de Produción, I+ D, Proxectos Especiais e Xerencia, “o que lle outorgou un coñecemento profundo da cultura da empresa”, engaden.
Rey asume agora o reto de darlle pulo ás sinerxías entre as empresas que forman parte de Televes Corporation, reforzando o enfoque de grupo, a orientación aos mercados e a visión global, co obxectivo, segundo engaden, “da eficiente sincronización de todos os recursos da Corporación”.
Na súa última etapa antes deste nomeamento como director xeral, Rey desempeñaba o cargo de director xerente de TRedess, a filial da Corporación especializada no deseño, desenvolvemento e fabricación de equipamento de difusión e transmisión para TDT. Neste posto, segundo podemos ler na web de Televes, “Rey conseguira consolidar esta firma como un referente no despegue desta tecnoloxía en España e Francia, entre outros países”.
Santiago Rey, nomeado director xeral de Televes Corporation
Compartir Este Artigo

