O Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (CENATIC), vai colaborar na potenciación de accións formativas que realice o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) no ámbito do software libre, de maneira que o alumnado poida obter certificacións oficiais encadradas no modelo de capacitación da entidade nacional.
Así se reflicte nun convenio de colaboración asinado este fin de semana entre a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque, que terá unha vixencia de dous anos.
Isto significa que, ademais das certificacións curriculares que lles viña ofertando o CNTG ata o de agora, as persoas asistentes aos cursos formativos que se leven a cabo en materia de software libre, recibirán cadansúas acreditacións, sen custes adicionais, mediante un certificado profesional único, asociado a un sistema de ordenación do coñecemento implantado por CENATIC.
Segundo informan dende a Consellería, “o acordo asinado supón unha mellora cualitativa e cuantitativa dos beneficios que o CNTG achega aos profesionais do sector TIC galego”, pois ademais de ver acreditados os seus coñecementos e dominio do software libre, poderán acceder a mellores programas formativos, ou realizar exames oficiais CENATIC nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías, con carácter gratuíto para os interesados.
Dende a Consellería de Traballo insisten na importancia da sinatura deste convenio, que ademais lle permitirá aos profesionais do sector TIC, desenvolver a súa actividade en torno ao software libre cunha acreditación oficial do dominio das ferramentas.
CENATIC apoiará ao Centro de Novas Tecnoloxías en materia de software libre
Compartir Este Artigo

