Este luns, 2 de xullo, comeza a impartirse en 15 aulas da Rede CeMIT de Galicia a primeira edición do curso EDUCA_TIC de Uso seguro das TIC por parte dos e das menores, co que se pretende proporcionarlles ás persoas responsables destes centros, as ferramentas e coñecementos que lle permitan controlar e guiar o uso que fan de Internet e as novas tecnoloxías os máis cativos da casa.
As clases serán impartidas por expertos en seguridade da policía xudicial, en quendas de mañá e de tarde, nas que ofrecerán un diagnóstico da situación na que están os e as menores galegos/as no que respecta a hábitos de uso das TIC, así como información de utilidade sobre seguridade da información.
Esta formación permitiralles aos e ás axentes das aulas da Rede CeMIT, entender os principais riscos aos que se enfrontan os menores no uso que fan das TIC e programar as súas actividades conforme a isto, promovendo unha cultura da responsabilidade ante as novas tecnoloxías, na que os riscos sexan mínimos.
O curso desenvolverase a través de videoconferencia nas aulas de A Coruña, Ares, Boiro, Fisterra, Narón, Betanzos, Ortigueira, Santiago de Compostela, A Cañiza, Ponteareas, Lalín, Verín, Carballiño, Castro Caldelas e Celanova, e estas primeiras sesións completaranse cun módulo de formación en liña axeitado ás condicións técnicas do persoal da Rede CeMIT.
Estes cursos, de unha semana de duración, buscan, en definitiva, formar aos axentes TIC e aos responsables das aulas da rede CeMIT para que poidan desenvolver actividades dinamizadoras orientadas aos proxenitores, titores ou incluso aos propios menores das súas aulas e zonas de influencia, promovendo un uso responsable de Internet e as TIC.
Os axentes das aulas CeMIT reciben formación sobre o uso seguro das TIC por parte dos menores
Compartir Este Artigo

