A nosa lingua está xa un pouco máis preto do mundo e da Rede, dúas cousas cada vez máis entremesturadas. Máis polo miúdo, está máis preto da comunidade francófona, presente nunha chea de recantos do planeta, incluído (como é ben sabido) Canadá. Deste país abrollou, precisamente, o Grand dictionnaire terminologique (GDT), produto de coñecemento dixital do Office Québécois de la Langue Française que vén de incorporar o galego á súa base de datos. Este dicionario terminolóxico, informa a Universidade de Santiago, está dispoñible en liña, de forma gratuíta, ofrecendo millóns de termos en máis de 700000 fichas. “Posúe unha interface eficaz que permite a combinación de diversos filtros, como diferentes dominios de especialidade e linguas”, engade a institución galega.
Entre as funcionalidades máis recentemente incorporadas por este dicionario electrónico figuran a posibilidade de compartir estas fichas por correo ou peneirar buscas que inclúan a definición e as notas, infórmase. As linguas con maior peso porcentual de entradas son as linguas inicialmente incluídas na base de datos: o francés e o inglés. “No entanto, xa se foron incorporando termos noutras linguas como o castelán, portugués, italiano, catalán, romanés e galego; isto é así por seren estas últimas, xunto co francés, as linguas que forman parte do proxecto Realiter, a Rede Panlatina de Terminoloxía que agrupa a persoas e institucións de países con linguas romances que traballan activamente en terminoloxía”, faise saber. O corpus de entradas terminolóxicas do GDT só incorpora, para as linguas que non son o francés e o inglés, os vocabularios heptalingües que ata agora foron publicados ao abeiro de Realiter. Isto implica que só unha parte da nosa terminoloxía se recolle nel, quedando fóra moitos dos dicionarios, vocabularios ou precisións que xa tiñamos á nosa disposición. Con todo, a inclusión do galego só pode ser cualificado como unha boa nova: “Malia a este último apuntamento, que a terminoloxía galega forme parte desta eficaz base de datos é unha nova moi considerable desde o punto de vista simbólico; indexar a nosa terminoloxía nunha das bases terminolóxicas de referencia, con alcance internacional, proporciona visibilidade á lingua, alén de apoiar a validez científica do idioma”, explica a Universidade.
Incluída a nosa lingua en Le grand dictionnaire terminologique
Compartir Este Artigo
