O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que ten por obxecto investigar, fomentar e difundir servizos de cálculo intensivo a todas aquelas entidades que o soliciten, vén de pórse ao servizo da sanidade pública, contribuíndo, coas súas achegas matemáticas, a que os tratamentos que requiren os cálculos máis precisos e as tecnoloxías máis avanzadas se leven a cabo con éxito.
Por exemplo, a optimización de tratamentos de radioterapia contra o cancro, a validación de tecnoloxías hospitalarias ou a análise de imaxes médicas, entre outros, son procesos que requiren cálculos intensivos moi precisos, para os que se soen empregar supercomputadores ou sistemas de computación distribuída semellantes ao noso Finisterrae.
Xa que logo, o CESGA presta o seu apoio tecnolóxico e computacional neste tipo de traballos, sobre todo, da man de equipos de investigación das universidades galegas e de distintos centros sanitarios que solicitan a súa colaboración.
Sen ir máis lonxe, os primeiros que levaron ás maquinas do CESGA os seus cálculos, precisos para a medicina de vangarda foron un grupo de investigación da Universidade de Vigo que colaboraba na optimización de tratamentos de radioterapia para conseguir que as doses se axusten exactamente ás necesidades de cada persoa concreta, e outro da Universidade de Santiago que investigaba como verificar virtualmente estes tratamentos.
Posteriormente, o proxecto europeo BEinGRID, no que tomaron parte o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), as universidades de Santiago de Compostela e Vigo e mailo CESGA, serviu para validar o uso de tecnoloxías coma a de computación distribuída (grid) en hospitais, e comprobar se estaban o suficientemente maduras como para compensar os seus custos.
Na actualidade, o CESGA está implicado de cheo no proxecto BONFIRE, que servirá para estudar como xestionar clusters virtuais (un conxunto de computadores virtuais que traballan de forma coordinada) nunha infraestrutura cloud, para dar servizo coa calidade e velocidade que precisan os hospitais. É dicir, segundo afirman, “a infraestrutura de cálculo estaría fóra do hospital e só se utilizaría cando fose necesaria para, por exemplo, análises de imaxes médicas ou simulación de tratamentos”.
Asemade, segundo informa o seu equipo responsable, o CESGA tamén está implicado no proxecto EIMRT II, financiado polo programa INCITE, e no proxecto ARTFIBIO, financiado polo Instituto de Saúde Carlos III; ámbolos dous dirixidos na liña de traballo que permita elaborar tratamentos contra o cancro moito máis personalizados, máis eficaces e menos agresivos cos pacientes.
O CESGA, implicado de cheo na loita contra o cancro
Compartir Este Artigo

