A Fundación Galiza Sempre (FGS), fundada en 1999, vén de facer un completo redeseño da súa web adaptándose á tecnoloxía 2.0 para, segundo din, “potenciar a súa presenza nas redes sociais e mellorar así a súa capacidade de comunicación”.
O novo espazo virtual incorpora, a través de diferentes seccións, toda a traxectoria e programas realizados pola fundación nacionalista nos últimos anos, porén mantén o antigo blog de novas que informaba puntualmente sobre o labor da entidade.
Deste xeito, a comunidade internauta interesada en coñecer a intensa actividade de Galiza Sempre, atopará na nova plataforma un vieiro moi cómodo e funcional para facelo, así como acceso ao seu fondo documental e de publicacións se desexa afondar no tema.
A web permite acceder, asemade, aos principais contidos desenvolvidos pola entidade en materia de recuperación e divulgación da memoria histórica, abrindo así, “por primeira vez”, segundo afirman, “unha canle directa de comunicación co programa de arquivo co que FGS traballa na catalogación e organización de fondos documentais do Bloque Nacionalista Galego (BNG)”.
A web complétase con programas de radio e contidos audiovisuais divulgativos sobre a traxectoria do nacionalismo, así como con máis de trinta publicacións para a súa descarga e compartimento nas redes sociais. Trátase de asuntos sobre os dereitos de Galiza e doutras nacións sen estado; o feminismo; a crítica do neoliberalismo e a defensa da participación cidadá, entre outros moitos temas tratados en profundidade.
Desta nova ferramenta virtual cabe citar tamén a sección na que se recomendan lecturas e documentos relacionados co tema, así como ligazóns aos espazos de FGS en Flickr, Twitter, Vimeo e Facebook, onde os seareiros da Fundación poden participar activamente.
Na opinión do director de Galiza Sempre, Xabier Macías, a mellora da presenza na Rede “facilitará o cumprimento de obxectivos básicos da entidade, como a promoción do debate e o intercambio de ideas favorables á fundamentación e proxección da causa da soberanía nacional galega”.
A Fundación Galiza Sempre renova a súa páxina web
Compartir Este Artigo

