O presidente da Xunta, na rolda de prensa posterior ao ConselloO operador público Retegal contará, ao remate de 2013, cun 60% máis de centros de telecomunicacións. Este espallamento, que foi anunciado e debullado este xoves tralo Consello da Xunta, significa, informou o Goberno galego, que se vai garantir a existencia “de todas as instalacións que se precisan para acadar a cobertura ao 100% de Internet e para que toda a cidadanía teña a dita cobertura nos seus domicilios, nas súas empresas e nos servizos públicos”. A empresa pública Retegal, informou o presidente da Xunta, foi creada inicialmente para prestar servizos de radiodifusión á CRTVG e a día de hoxe converteuse “nunha peza fundamental no despregamento tecnolóxico de Galicia”, nun operador integral de telecomunicacións que “fixo realidade fitos importantes como o apagamento analóxico”, do mesmo xeito que “está facendo tamén un excelente servizo na expansión da banda larga en toda Galicia”. Centro de Retegal en San MarcosO titular da Xunta destacou que co Plan aprobado este xoves (o Consello da Xunta deu luz verde á declaración de incidencia municipal do Plan Sectorial do operador público galego), Retegal seguirá a contar coa rede máis ampla de toda a Comunidade Autónoma tanto a nivel de infraestruturas de transporte como de infraestruturas de difusión. Deste xeito, dixo que arestora dispón de 200 centros de telecomunicación. A maiores, o Consello autoriza construír 116 novos, é dicir, “a incrementalos nun 60%”para cumprir co plan de Despregamento de Internet na Comunidade Autónoma”. Respecto ao Plan de Banda Larga, o presidente da Xunta aproveitou para facer balance do mesmo, salientando que a día de hoxe, logo da posta en marcha do programa, hai 300.000 usuarios máis das TIC na nosa terra, dispoñendo de acceso a Internet de alta velocidade. Porén, apuntou que aínda quedan cousas por facer, como cubrir o baleiro dos 470.000 galegos e galegas que aínda non teñen o servizo. O obxectivo fundamental, engadiu, é acadar a cobertura do 100% antes de que remate o ano vindeiro.