Do 16 ao 21 de xullo, Valencia acolle a Internet Start Up Camp 2012, un evento dirixido a animar ás persoas asistentes a crear o seu propio negocio na Rede, ofrecéndolle as pautas a seguir para poñelo a andar.
As sesións formativas, que teñen un enfoque teórico-práctico, son impartidas por profesionais que xa crearon o seu propio negocio de éxito en Internet, así como por algúns dos principais axentes do estado en materia de emprendemento, como os responsables de Startup Spain, entre outras entidades.
Trátase, en palabras da organización, dun “campamento de verán” que poderá seguirse, previa inscrición, tanto de xeito presencial como en liña a través da páxina oficial do evento.
O programa inclúe a celebración de clases teóricas e presentacións de casos de éxito polas mañás, e diversas actividades prácticas polas tardes, que van dende sesións de coaching networking ata talleres de creatividade ou talleres para emprendedores, en función do que desexen as persoas asistentes.
Entre os relatores convidados ao evento destaca a presenza do fundador de Tuenti, Féliz Ruíz; o CEO de ASPGems, Agustín Cuenca; o CEO de coches.com, Iñaki Arrola ou CEO de Weblog, Julio Alonso.
As persoas asistentes ao curso recibirán un certificado de asistencia da Universidad Politécnica de Valencia.
Valencia dálle pulo á creación de empresas ligadas a Internet
Compartir Este Artigo

