A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de habilitar na súa web unha ferramenta informática que permite realizar o cálculo das tarifas eléctricas vixentes, e que amosa, automaticamente, as opcións do mercado da subministración eléctrica máis económicas e que mellor se adaptan ás necesidades de cada concello galego.
O director do Inega, Eliseo Diéguez García, apuntou durante a súa presentación que “o desenvolvemento desta ferramenta permitirá aos concellos optimizar a potencia contratada e a demanda de enerxía, indicando, en cada momento, as posibles medidas a tomar para mellorar consumos e custos”.
Desta maneira, os concellos interesados en aforrar custes nos seus servizos á comunidade só teñen que cargar os seus datos de facturación na aplicación virtual, cunha clave que se solicita no primeiro acceso e que é validada polo Inega. Estes datos son analizados pola aplicación, que automaticamente, e segundo as necesidades da zona consultada, propón medidas a tomar no subministro de enerxía para optimizar a potencia e os resultados do municipio.
Ademais, a aplicación comproba de xeito automático que os consumos de enerxía son coherentes, e avisa aos concellos que están a pagar un recargo do 20% no prezo da factura por non ter pasado ao mercado libre.
Ao mesmo tempo que permite comprobar que os prezos contratados están en consonancia coa demanda enerxética municipal e co tipo de consumo realizado, evitando desta maneira que se supere a media de prezos do mercado.
Co desenvolvemento desta ferramenta, a Consellería que dirixe Javier Guerra reitera a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, favorecendo o aforro enerxético e económico dos concellos galegos.
Dispoñible na web do INEGA unha ferramenta para axudarlle aos concellos a reducir a factura eléctrica
Compartir Este Artigo

