AJE Galicia vai celebrar a finais de xullo, o luns 30 e o martes 31 en horario de 16.00 a 22.00 un curso de verán sobre as redes sociais e o seu amplo potencial para cambiar o noso xeito de comunicármonos e facermos empresa e mercado. O curso, de doce horas, está dirixido a calquera profesional, pequena ou mediana empresa ou estudante que precise actualizar os seus coñecementos e traballar de xeito eficaz nas comunidades e servizos 2.0, tirando partido da promoción en liña. Segundo informa a asociación galega de novos empresarios, arestora están a esgotarse as últimas prazas dispoñibles, polo que cómpre que bulamos se queremos “aproveitar a oportunidade para informarnos dos segredos das ferramentas 2.0, os móbiles , os servizos de xeoposicionamento e as novas contornas de comunicación na empresa”.
A actividade divulgativa-formativa vén da man de Creativatoval.
O Curso de Verán Redes Sociais e Marketing online inclúe un programa moi vinculado ás novas estratexias de negocio e a creación dun plan de comunicación facendo fincapé en ferramentas específicas 2.0 como Facebook (perfís, páxinas e grupos, contidos e xestión), Twitter (contas, xestión de listaxes, hashtags e estratexia), Linkedin, redes de posicionamento, YouTube, Google+, Pinterest, Google AdWords, móbiles, tabletas, xeoposicionamento, etc. A actividade, que terá un custe de 100 euros para asociados e 140 para non asociados, levarase a cabo na sede de AJE Galicia, no quinto andar do número 4, da rúa Manuel Núñez de Vigo.
Informar por outra banda que AJE Galicia tamén estará presente en PortAmérica, o festival que organiza en Nigrán (Molle) Esmerarte, cun stand de seu no espazo Mercainova (a parte do certame máis dedicada a amosar a innovación e a creatividade dos nosos emprendedores e profesionais). Sinalar que PortAmérica é un festival galego de música, audiovisual e innovación creativa que se celebra entre o 19 e o 21 de xullo, e que pretende amosar o potencial da cultura como motor de dinamización e desenvolvemento, e facer, amais, que o motor prenda e se manteña aceso a ámbalas beiras do Atlántico e demais océanos. Para acadalo e ir acubillando combustible, a empresa responsable do festival, Esmerarte, puxo en marcha unha comunidade en liña que funciona, en palabras dos profesionais da firma, “como unha plataforma virtual para difusión do talento”.
AJE Galicia ultima o seu curso de verán sobre redes 2.0 e confirma presenza en PortAmérica
Compartir Este Artigo
