Pode que o posto de traballo que estamos a procurar non estea na Rede, pero non se perde nada por probar. Portas onde petar hai moitas, pero se cadra non hai tantas no que se refire a facilitar a maior rapidez comunicativa posible entre demandantes e ofertantes. No caso concreto de CasualJobs, un novo servizo no que recalamos esta semana con motivo dunha entrevista na Rede ao seu principal responsable, Álex Rodríguez, a rapidez comunicativa, sustentada no uso do móbil, ponse ao servizo dos profesionais que estean á procura de emprego e as compañías ou particulares (autónomos) que oferten un posto, dándolle aos dous, sinala Rodríguez, a mesma importancia.
O funcionamento desta aplicación é moi semellante ao dos servizos de busca de parella, achegando un directorio de usuarios personalizado para o móbil e os profesionais autónomos. A través desta ferramenta, non só é posible xestionar o contacto entre demandantes e ofertantes, senón solicitar os servizos de calquera tipo de profesional para unha actividade que teñamos entre mans e na que sexa precisa a súa experiencia e o seu labor. Arestora o sistema está xa presente en preto de 6.000 trebellos do Estado e hai xa en España uns 2.500 usuarios inscritos, recibindo solicitudes laborais.
A aplicación só está dispoñible polo de agora para iPhone, pero está prevista unha versión para Android no mes de setembro e, polo tanto, agárdase un incremento notable dos usuarios, unido ao importante labor de promoción que se está a levar a cabo. O obxectivo é chegar a 50.000 membros da comunidade o ano que vén. Por certo que o servizo é de balde e non ten publicidade. O negocio para a empresa responsable da súa posta en marcha baséase na comisión que hai que pagar (1,59 euros) para ver os datos de contacto de quen oferta un posto de traballo.
CasualJobs: nova aplicación para pór en contacto a demandantes e ofertantes de traballo a través do móbil
Compartir Este Artigo

