
Ademais de ofrecer información turística de primeira man de cada destino para os usuarios que acudan ás oficinas, este panel, instalado para o uso público de todos os visitantes, permitirá que os usuarios realicen unha enquisa turística na que se poderán obter datos dos perfil do viaxeiro na nosa comunidade: estancia (aloxamento), motivo da visita, duración, medio de transporte utilizado ou aspectos de valoración.
No acto de presentación desta nova tecnoloxía ao servizo dos usuarios turísticos estiveron presentes Rosanna López Salgueiro, Directora do Instituto de Estudios Turísticos de Galicia, que estivo acompañada das responsables da oficina de turismo galega onde se situará o panel, Dolores Escariz (Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo) e Inés Banet (Turgalicia).
Santiago é o primeiro punto en dispor da aplicación, xa que conta cunha importante presenza diaria de turistas e peregrinos.
Este sistema, pioneiro en Galicia, require simplemente que a oficina conte con acceso a Internet dende o punto de información turística. Unha vez recollidos os datos, o sistema inclúeos directamente nunha base de datos conectada ó servidor central do IETG, responsable de procesalos. Esta fonte de información permitirá unha toma de decisións máis axustada á realidade do mercado turístico.
A este panel na capital galega sumarase un conxunto doutros seis nas demais principais oficinas de turismo da comunidade, as existentes nas catro capitais de provincia así como en Ferrol e Vigo.
As oficinas de Turismo de Galicia contarán con paneis táctiles
Compartir Este Artigo
