O Consello de Ministros aprobou hoxe o Plan de Impulso da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e a Innovación Tecnolóxica, unha aposta pola televisión en alta definición e pola telefonía móbil 4G que para a súa confección tivo en conta minimizar o impacto e as molestias para os cidadáns e limitar o custo dunha serie de actuacións que facilitarán o adianto dun ano na implantación do 4G, favorecendo a innovación e os novos servizos de datos.
O plan aprobado fixa a liberación do chamada dividendo dixital no mes de xaneiro de 2014 (facilitando o despregamento de redes móbiles 4G a partir de tal data), redúcense as frecuencias asignadas para a televisión (sen reducir o número de programas dispoñibles), impúlsase a oferta de emisións en alta definición e fíxase o calendario para desenvolver as actuacións do Plan.
Os cambios aprobados reducen os custos fronte ao plan anterior, reducindo a reorientación de antenas e concentrando as emisións televisivas nas frecuencias actualmente antenizadas, aínda que a principal vantaxe é promover a banda larga móbil, que espérase que teña un importante impacto sobre a nosa economía.
O Plan conta co respaldo das televisións privadas asociadas en UTECA, que acordaron apostar pola TDT de alta definición e pola introdución de novos servizos innovadores na TDT, establecendo tamén as bases para facilitar a liberación do dividendo dixital.
Fusión de Antena 3 e La Sexta
O Consello de Ministros tamén decidiu autorizar a operación de concentración económica coa que Antena 3 de Televisión S.A. toma o control do 100% do capital social de Gestora de Inversiones Audiovisuales La Sexta S.A., operación para a que a Comisión Nacional da Competencia establecera unha serie de condicións que veñen de ser suavizadas, de xeito que as canles televisivas xa non estarán forzadas a comercializar a publicidade a través de sociedades distintas e terán menos limitacións á hora de vender os seus espazos promocionais. Tamén se reduce o prazo no que a cadea fusionada terá que cumprir coas condicións que indica Competencia.
