Na súa teima por aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías en tódolos eidos da Administración pública, aforrando así tempo e custes, a Xunta de Galicia vai poñer en marcha uns cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica para o funcionariado, que darán comezo a partir do vindeiro 10 de setembro.
Trátase da primeira edición duns cursos de nivel superior, que van dirixidos a seguir capacitando lingüísticamente ao persoal público da nosa Comunidade, que lle dan continuidade a un ciclo de formación en linguaxes específicas de nivel medio celebrado anteriormente, no que participaron máis de 800 traballadores e traballadoras da Administración.
Estes cursos de galego administrativo tamén se impartirán mediante a modalidade de teleformación, permitindo que as persoas inscritas poidan aproveitar mellor o seu tempo e compaxinar a actividade formativa con outros mesteres.
Nesta primeira edición realizaranse 12 cursos de linguaxe administrativa e xurídica de nivel superior entre os meses de setembro e decembro de 2012, os cales irán dirixidos especificamente ao persoal das administracións autonómica (7 cursos), local (4 cursos) e de xustiza (1).
A finalidade desta acción formativa, que combina contidos teóricos e prácticos, é formar o persoal que está ao servizo da Administración “para garantir a utilización dun galego de calidade e dunha linguaxe clara cos administrados e coas administradas”, explican dende a EGAP.
A EGAP inicia novos cursos en liña de galego administrativo e xurídico de nivel superior
Compartir Este Artigo

