
Trátase dun curso gratuíto, de 15 horas de duración, no que se amosan as vantaxes e utilidades da transmisión e difusión de contidos audiovisuais a través de Internet, así como as técnicas máis avanzadas para facelo.
O curso forma parte do Programa de Dinamización 2012 da Rede CeMIT de Galicia, o cal inclúe outras xornadas de formación relacionadas co sector multimedia e audiovisual, que se levarán a cabo ata o mes de decembro.
Por exemplo, do 24 ao 27 de setembro, celebrarase en varias aulas galegas unha sesión formativa, de 15 horas de duración, sobre o papel do Community Manager e as ferramentas tecnolóxicas que emprega no seu traballo diario; mentres que do 1 de outubro ao 15 de novembro, terá lugar un curso sobre produción audiovisual, de 60 horas, no que se achegará unha visión e explicación de tódalas fases polas que pasa calquera produto audiovisual antes de chegar ao usuario final.
Para o desenvolvemento de ambas actividades empregarase o sistema de videoconferencia e videocolaboración entre usuarios de distintas aulas, o que permitirá desenvolver as clases en cómodos formatos presencial e telepresencial.
As persoas interesadas en asistir a algún destes cursos poden facer a súa reserva de praza achegándose persoalmente á aula CeMIT máis próxima á súa localidade, ou ben inscribirse en liña na web oficial da Rede CeMIT de Galicia, onde aparece unha completa listaxe de cursos, con cadansúas prazas dispoñibles e a ficha de inscrición correspondente.
20 concellos galegos celebran unha xornada formativa sobre as técnicas de streaming de audio e vídeo
Compartir Este Artigo

