
Galicia ten unha oportunidade única para posicionarse á vangarda da innovación. Estamos nun intre no que conflúen novas oportunidades de financiamento para desenvolver proxectos de innovación desde aquí, un sector TIC galego que crece en canto á creación de empresas e mantén o nivel de emprego, unha importante rede de equipos e centros de investigación (no que se inclúen varios Centros de Excelencia Europea) e unha necesidade empresarial cada vez maior de incorporar produtos e servizos innovadores, que impulsen a competitividade non só no ámbito nacional, senón tamén no internacional.
Con esta perspectiva celébrase a finais de setembro o Foro TIC para a Innovación Empresarial en Galicia, un evento organizado por INEO, que ten como obxectivo principal favorecer e dinamizar as oportunidades de innovación colaborativa en Galicia.
É por iso que neste Foro participarán non só representantes do sector TIC (centros de investigación, empresas e asociacións), senón tamén representantes do tecido empresarial galego e os máximos representantes do Goberno da Xunta de Galicia e de organismos públicos de desenvolvemento empresarial e de innovación (como o IGAPE ou a Axencia Galega de Innovación). E non só de Galicia, xa que nesta edición está prevista a participación dos máximos representantes do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).
Así, o Foro organizado por INEO será unha oportunidade única para compartir ideas e experiencias cos axentes implicados na posta en marcha dun dos maiores fondos de financiamento para a I+D+i galega: o Plan Innterconecta. Financiado con cargo aos fondos europeos FEDER, o Plan Innterconecta é o resultado da colaboración CDTI – Xunta de Galicia para traccionar financiamento a proxectos de innovación desenvolvidos desde Galicia e nos que colaboren empresas (pemes incluídas), centros de investigación e universidades. A primeira convocatoria foi todo un éxito e sentou as bases da segunda fase, desenvolvida unicamente en Galicia e que contará con 70 millóns de euros, practicamente o dobre dos fondos dispoñibles na primeira edición.
Co necesario aproveitamento do Plan Innterconecta de fondo, os participantes do Foro para a Innovación Empresarial de Galicia abordarán novas oportunidades de colaboración para a posta en marcha de proxectos de innovación que xeren novos produtos e novos servizos destinados a impulsar a competitividade do tecido produtivo galego.
Para isto, debemos facer valer a experiencia e mais a especialización das empresas que forman parte do sector TIC galego. Un sector que ocupa o sétimo posto no panorama TIC nacional, un sector do que forman parte máis de 1.900 empresas (un 7% máis que en 2010) e un sector que é quen de manter os 16.000 postos de traballo directos, nunha época especialmente adversa para o emprego de alta cualificación.
Apostar polo desenvolvemento do sector TIC é apostar pola xeración de riqueza e de postos de traballo cualificados… Mais tamén é apostar polo avance e pola competitividade dos sectores produtivos fundamentais para a economía galega.
As empresas TIC de Galicia destacan pola proximidade ao cliente e están avanzando na especialización, para situarse á vangarda da súa actividade nos ámbitos nacional e internacional. Só é preciso ir un paso máis alá: facilitar a innovación colaborativa, seguindo o camiño trazado polo Plan Innterconecta: proxectos de innovación nos que cooperen universidades, centros de investigación, PEME e grandes empresas para desenvolver produtos e servizos demandados polo tecido produtivo, para impulsar a súa competitividade nun mercado global e mellorar o benestar social.
A inscrición no Foro é gratuíta e debe formalizarse chamando ao 986 112 570 ou enviando un correo electrónico a administracion@ineo.org, indicando nome e apelidos da persoa que asiste, así como os seus datos de contacto e a empresa á que representa.
Benchmarking
Tecnolóxico en INEO
O evento incluirá
a presentación dos resultados do proxecto Benchmarking Tecnolóxico en INEO, en
que se analizou a situación, en termos de innovación tecnolóxica, das empresas
TIC galegas, comparándoa coas tendencias en I+D+i a nivel internacional. Deste
xeito, chegouse á conclusión de que, ben polo seu interese estratéxico para as
TIC galegas, ou ben polas capacidades de partida destas, o cloud computing, a enxeñaría de software avanzado, as arquitecturas
e interfaces de todos os niveis de abstracción, a internet relacionada cos
obxectos, as tecnoloxías para a virtualización, a investigación e
experimentación da internet do futuro, ou o sistema cognitivo que opera en contornos
do mundo real, deberan ser as liñas de investigación prioritarias das TIC
autonómicas.
