A partir do vindeiro día 1 de outubro, o Servizo Galego de Saúde comezará a realizar os chamamentos das persoas inscritas nas listaxes para a contratación temporal nos centros sanitarios públicos galegos, en concreto nas categorías de técnicos de formación sanitaria en anatomía patolóxica e citoloxía, hixiene bucodental, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico clínico e radioterapia.
Estas listaxes xeradas son as primeiras listas definitivas que se xestionan a través do Expedient-e, que permitirán que as máis de 3.000 persoas inscritas poidan consultar o seu número de orde e puntuación a través da plataforma en liña, sen ter que acudir ao formato en papel.
No ano de posta en marcha do novo sistema telemático, foi posible reducir en seis meses o tempo de resolución deste proceso con respecto a outros anos, algo que tamén beneficiou en gran medida ás persoas que precisan ser contratadas.
Segundo informaron dende o Executivo, en vindeiras datas publicaranse as listaxes definitivas de PSX, celadores e auxiliares administrativos; así como as de enfermería, enfermería 061, traballador social, psicólogo clínico e logopeda, categorías para as que tamén estará dispoñible o servizo de consulta de expediente en liña.
A maiores, no vindeiro mes abrirase a inscrición para as categorías de Farmacéutico/a de Atención Primaria, Odontólogo/a, Fisioterapeuta, Enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, Enfermeiro/a especialista en saúde mental, Terapeuta ocupacional, Técnico/a superior en documentación sanitaria, Técnico/a superior en dietética e nutrición, Técnico/a en farmacia, Técnico/a en coidados auxiliares de enfermería.
Como novidade, din dende a Consellaría de Sanidade, os e as aspirantes destas categorías “xa poderán utilizar o pago electrónico de taxas, a partir de agora incorporado ao Expedient-e para todos os procesos nos que se devenguen as mesmas”, afirman.
Con estas 10 novas convocatorias, engaden, “serán xa 32 categorías as xestionadas a través do Expedient-e”, que permitirán que o persoal profesional xa inscrito e o novo interesado poderá introducir novos méritos de forma aberta e permanente.
O Expedient-e permitirá, xa que logo, que tódalas persoas que traballan no Servizo Galego de Saúde poida ver a súa vida profesional a través de Internet, participar nos distintos procesos e consultar os seus resultados, “gañando así en axilidade, transparencia e modernización”, aseguran.
As persoas inscritas nas listaxes de técnicos sanitarios poden consultar o número de orde no Expedient-e
Compartir Este Artigo

