Debido a que a aleta de quenlla é un produto moi cotizado nos mercados de toda Asia, os pescadores da zona pescan indiscriminadamente sen comprobar se as especies capturadas están en perigo de extinción ou se poden explotar comercialmente de xeito libre.
Isto está a poñer en grave risco a supervivencia de moitas especies de quenlla, das que quedan xa poucos exemplares no mundo.
A Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO, para atallar este problema e tratar de buscarlle unha solución viable, vén de encargarlle á Universidade de Vigo o deseño dun sistema que permita a identificación das especies de quenlla a partir das súas aletas, de maneira que se poida facer unha criba fiable antes de pescalas, e levar un control exhaustivo despois en terra.
Segundo explica Cástor Guisande, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, a quen a FAO encargou a elaboración do software, “será un programa informático no que un menú indicará ao usuario que medidas debe tomar e logo realizar a identificación de xeito automático, aparecendo información adicional útil como fotos, mapas…”.
A integración deste sistema nos barcos faría posible continuar realizando o corte das aletas a bordo (unha medida que a Administración pretendía prohibir nun primeiro momento), “xa que posteriormente sería posible identificar en base ás aletas a que especie de quenlla pertencen”, evitando así o furtivismo.
Con este sistema proposto pola entidade académica, o tempo de identificación da especie de quenlla da que procede a aleta sería inferior a cinco minutos, “ademais de que o seu deseño permite que o poida utilizar calquera persoa sen ningunha experiencia na taxonomía das quenllas”, engade Guisande.
O programa informático, que podería ter unha versión de proba funcionando en seis meses, ten o seu antecedente no sistema IPez, deseñado tamén pola Universidade de Vigo a petición da FAO, que permite a identificación de especies de peixes en base a súa morfoloxía, a partir duns algoritmos.
Xunto ao profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, un grupo de estudantes participará no desenvolvemento do sistema, que será utilizado principalmente polas administracións encargadas en cada país do control das especies capturadas nos portos.
A FAO encárgalle á Universidade de Vigo unha aplicación para frear a pesca indiscriminada de quenllas
Compartir Este Artigo

