
Os novos perfís tamén mudan cando os consultamos dende as aplicacións móbiles oficiais de Twitter, pois despois dos tuits máis recentes aparecen as últimas fotografías compartidas polo usuario, buscando así que a través das imaxes poidamos coñecer de xeito rápido e doado como é un usuario para saber quen é e se nos interesa o que comenta para decidir se seguilo ou non.
Para poder gozar dos novos perfís de Twitter chega con visitar a opción de deseño no menú de configuración da nosa conta e elixir unha nova imaxe de encabezado.
Renovación total da aplicación para iPad
Cómpre destacar que no caso da aplicación de Twitter para iPad estamos ante unha reformulación total da ferramenta, que promete ser máis rápida, fermosa e doada de usar, aínda que neste cambio perdeu funcionalidades e, especialmente, o seu funcionamento baseado en paneis que eran o seu sinal de identidade. Tamén dificulta considerablemente a xestión de varias contas (que era unha das principais virtudes da versión anterior da aplicación), polo que dá a impresión de que realmente estamos ante unha ferramenta que busca converxer o funcionamento de Twitter vía web e a través de aplicacións (o que moitos verán como un importante retroceso, pois un dos ingredientes do éxito de Twitter eran as aplicacións móbiles que se desenvolveron ao seu redor, e que parecen estar a ser marxinadas).
Coa simplificación da aplicación para iPad agora temos 4 grandes apartados: Inicio (coas mensaxes das persoas que seguimos a través de Twitter), Conecta (coas interaccións con outros usuarios), Descubre (con recomendacións de algúns contidos compartidos, de Tendencias e con recomendacións de usuarios a seguir) e Cuenta (dende onde configurar a nosa conta).

