No transcurso do Foro do Sector TIC galego, celebrado este mércores 26 de setembro en Vigo, presentáronse os resultados do proxecto de Benchmarking Tecnolóxico, desenvolvido por INEO co obxectivo de impulsar a competitividade do sector TIC de Galicia e avanzar no seu posicionamento no mercado global. Neste proxecto, informa a asociación galega que preside Jorge Cebreiros, analízase a situación das empresas TIC galegas en termos de innovación tecnolóxica e compárase coas tendencias en I+D+i no ámbito internacional. Entre os datos obtidos neste proxecto, destaca que o 80% das empresas consultadas teñen aberta unha liña de innovación en produto, un dato que contrasta con que apenas o 20% que innovan desde un punto de vista comercial.
No tocante ao investimento, o 40% das empresas destinan entre un 5 e un 10% dos seus recursos á Investigación e ao Desenvolvemento (I+D) e ningunha das participantes neste proxecto supera un investimento do 25%.
Por outra banda, o proxecto de INEO sinala as liñas de I+D prioritarias para as TIC galegas. O cloud computing (computación na nube), a Internet de servizos e a enxeñaría de software son, para o 80% das empresas, as liñas de maior potencial. A continuación, sitúase a investigación e experimentación sobre a Internet do futuro (70%) e, en terceiro lugar, a Internet relacionada cos obxectos (60%).
O proxecto culmina cunha serie de recomendacións aos axentes do sistema galego de I+D+i, ás institucións públicas e ás empresas TIC, co obxectivo de impulsar as actividades de innovación en Galicia e de mellorar o posicionamento da nosa Comunidade nos ámbitos nacional e internacional.
O 80% das nosas empresas TIC teñen aberta unha liña de innovación en produto
Compartir Este Artigo
