Alberto Alonso retratado no Diario da Universidade de VigoPara facilitar a vida aos estudantes universitarios galegos e durante a elaboración do seu traballo de fin de carreira en Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión, Alberto Alonso decidiu publicar en Google Play varias aplicacións móbiles que serven de guía para os estudantes universitarios dos distintos campus, resultando unha “ferramenta de axuda para estudantes, profesores e futuros alumnos” ao permitir localizar os edificios dos distintos campus, trazar unha ruta ata os mesmos e tamén poder consultar as residencias públicas existentes, a listaxe de estudos de grao e mestrados ofertados e incluso ligazóns ás ferramentas máis empregadas da Universidade. A Guía Uvigo ofrece información dos Campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, e inclúe accesos directos ao correo electrónico de Uvigo, Seix, Faitic e Bubela; a Guía USC achega información dos Campus de Santiago e Lugo facilitando ligazóns ao servizo de consulta do expediente do alumno e ao campus virtual; e, finalmente, a Guía UDC facilita o acceso á información dos Campus de A Coruña e Ferrol.