O Centro Demostrador TIC de Galicia, acollerá en outubro un ciclo de talleres, baixo o título Construíndo unha PEME dixital, cuxo obxectivo é ofrecer unha capacitación gradual en novas tecnoloxías a autónomos e micro PEME, desde un coñecemento básico ata un nivel de consolidación que permita aos empresarios mellorar o seu negocio a través dun uso estratéxico das TIC.
O primeiro dos obradoiros, Traballo en orde e con seguridade, terá lugar o vindeiro luns 15 de outubro, e está orientado a introducir aos asistentes nos conceptos e usos básicos das novas tecnolóxicas, aprender a configurar o seu correo electrónico, instalar un antivirus, ou xestionar os contactos, entre outras utilidades. O taller celebrarase en horario de mañá de 10:00 a 14:00 e horario de tarde de 16:00 a 20:00 e está distribuído en módulos teóricos acompañados de constantes prácticas para reforzar o aprendido.
O segundo obradoiro, Xestiono a miña empresa eficazmente, desenvolverase entre os días 16 e 18 de outubro, e permitirá ao asistente dominar aspectos tan importantes como a facturación electrónica, operar coa administración pública, xestionar a súa comunicación interna, e mesmo a externa aprendendo a montar a un blog. O 19 de outubro terá lugar o terceiro taller, Mobilidade. O meu negocio na nube, grazas ao cal os asistentes coñecerán ferramentas para mellorar a xestión das PEME usando un teléfono móbil.
En novembro, concretamente entre os días 12 e 16, desenvolverase a segunda parte do ciclo de talleres, comezando cunha charla maxistral sobre comercio electrónico a cargo de Carlos Otero, director de Colímera Consultores e co-autor dos libros Redes Sociais na Empresa e Redes de Computadores e Internet. A continuación impartirase o taller Comercio electrónico.
O ciclo Construíndo unha PEME dixital terminará os días 14, 15 e 16 co taller O meu negocio na Rede, que ensinará aos asistentes a integrar as redes sociais nas estratexias de marketing e comunicación da súa empresa.
As prazas para asistir aos distintos talleres son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.
O CDTIC celebra un ciclo de obradoiros para achegar a tecnoloxía á PEME
Compartir Este Artigo
