Xa non é que o futuro do turismo estea nas TIC, é que está o presente. O potencial desas ferramentas no sector é tan grande como nos permita imaxinar o seguinte feito: xa case a totalidade dos viaxeiros realizan operacións de compras de produtos (viaxes, aloxamentos, etc) e de procura de información sobre puntos de destino nas redes. Achegar formación sobre isto, con especial atención nas empresas especializadas en xestionar paquetes turísticos a través das canles en liña é o gran obxectivo de Claves das Axencias de Viaxes no Negocio On-Line, curso que se imparte estes días no Centro Superior de Hostalería de Galicia, en Santiago.
A actividade vai dirixida a profesionais do sector turístico en xeral e do subsector da intermediación turística en particular. Este curso de 86 horas comezou a impartirse onte e desenvolverase ao longo deste mes de novembro. Os alumnos son profesionais do sector das axencias de viaxes de toda Galicia que desexan mellorar o aproveitamento da canle en liña como canle de ventas e de relación cos clientes.
O obxectivo é axudar a coñecer mellor a demanda potencial e os seus diferentes segmentos, detectar feblezas e fortalezas, aprender a deseñar produtos e xestionar adecuadamente a comercialización e distribución dixital. Os asistentes deberán desenvolver 50 horas presenciais en datas alternas, en horario de 16 a 20 horas (9, 10, 15, 16, 30 e 31 de outubro; 6, 7, 20 e 21 de novembro e 11 e 12 de xaneiro). E terán que facer tamén 30 horas online (titorías), ademais de presentar un proxecto onde elaborarán un plan de negocio para a axencia de viaxes ou para un produto ou servizo.
Comeza en Santiago un curso sobre o negocio en liña para as axencias de viaxes
Compartir Este Artigo
